RAPARIGOS

O xerme do grupo está no encontro entre Carlos Vázquez Cabrera e Xoán Rodríguez Silvar como alumnos de Constantino Bellón. “En 1968 os primeiros Raparigos (Carlos Vázquez Cabrera, Xan Rodríguez Silvar e Ángel Muñoz Castro) asisten en maio ao Festival da Ascensión en Compostela, onde debutan. En outubro dese ano consiguen o primeiro premio no de Lugo polo San Froilan, que revalidan no da Ascensión de 1969 con outro novo primeiro premio, competindo en ambas citas cos grupos máis prestixiosos da época (Os Garceiras de Melide, Os Amigos de Lugo, Os Cruceiros, Primitivo Díaz, de Ribadeo, entre outros) Lembraremos esta etapa cun corte do seu primeiro disco, GAITEIROS VOLUME 1 da Editorial Ruada, de 1981. Interpretan “Recordos” do músico radicado en Ferrol Pío Rodríguez Puga, que fora director do coro “Toxos e Froles”.

Os premios tráenlle sona a Raparigos, que son solicitados para tocar en romaxes polo norte de Galicia. Hoxe escoitaremos a peza “Marchiña” de Pío Rodríguez Puga (quen supervisou as versións dos seus temas gravados en Gaiteiros Galegos Volume 1). No arranxo do tema Raparigos inclúen por vez primeira unha flauta barroca en Sol, ademáis de efectos de fogos e sons de romería, uns recursos novidosos para unha gravación de gaitas da época. 

Da gravación “Tempero entre amigos” de 1991 escoitaremos o tema “Na illa” inspirado en melodías recollidas por Sampedro.

Os Raparigos seleccionan para os seus concertos -moitos deles fóra de Galicia- temas que representen a variedade e fouteza do repertorio galego. Unha música transmitida oralmente por séculos, agás das recolleitas do s. XX a papel ou gravadora.
Un tema desta procedencia, recollido polo “Colectivo Berce”, é este “Pasacorredoiras de Paulino”.

Os grupos os forman persoas, que as veces nos deixan demasiado cedo. Así foi con Ánxel Muñoz, finado en 2009. As súas baquetas as recolleu axiña o percusionista Ramón Dopico. En 2017, o inesperado pasamento de Antón Varela devolve a Raparigos a súa formación orixinal de cuarteto. Segue así a esculcar na rica herdanza ainda sen gravar, escollendo fermosos temas entre os moitos escritos nas últimas décadas. Un deles é esta “Alborada de Ribadeo” de Landín.

Escucha...